Erotic Angles on the Cantigas d'Amigo


Autor Cohen, Rip

Título Erotic Angles on the Cantigas d'Amigo

Ciudad London

Editorial Department of Iberian and Latin American Studies. Queen Mary, University of London

Año 2012

Páginas 94

Colección Papers of the Medieval Hispanic Research Seminar, 68


Resumen
O autor propón un estudo do compoñente erótico das cantigas de amigo, a través de cinco achegamentos parciais, que retoman traballos presentados previamente como contribucións a congresos ou publicados como artigos. Pretenden botar luz sobre a presenza de erotismo nese xénero galegoportugués, aspecto este que non foi demasiado atendido pola crítica e que, porén, revela conclusións novidosas dende os puntos de vista filolóxico e teórico. O primeiro analiza diversas maneiras indirectas que empregan os trobadores peninsulares de referirse á actividade amorosa, para o que se revisan os discursos legais que esclarezan o significado agochado nese vocabulario (por exemplo, o Fuero real de Afonso X, para a entrega de agasallos, ou o costume xermánico de lavar os cabelos). O segundo capítulo céntrase nas expresións falar e falar ben, tendo presente que o significado das mesmas está condicionado polo seu carácter codificado e que, baixo esa perspectiva, remiten á acción amorosa e non só á fala. O mesmo método, baseado na análise léxica, utilízase nos dous seguintes capítulos. Así, no terceiro deles constátase como o trobadorismo galegoportugués evita as alusións ao encontro amoroso durante a noite, de tal xeito que resulta difícil atopar expresións que se refiran a el. No cuarto, pola súa banda, aténdese aos vocábulos fala e falar, que se consideran perífrases sexuais nas que se expresa a intención do amante de satisfacer totalmente o seu desexo. O derradeiro capítulo detense na presenza doutros personaxes aos que se alude nas cantigas, que non son a parella de amantes. Eses outros, que poden ser figuras tanto femininas como masculinas, interveñen ou interpóñense dalgún xeito na relación amorosa, por exemplo competindo polo amor do amigo e, a miúdo, ofrecendo un contrapunto erótico e pertubador ao amor que representa a amiga. Deste xeito dinamizan e enriquecen as situacións que propón este xénero de cantigas

Loading